3.07.2012


[GALLETAS]

Sabían así. Termabas delas colléndoas

un pouco co polgar

e outro tanto co dedo indicativo.

Logo viña o tempo de mergullalas coma iceber

no océano quente da taza do almorzo.

Logo todo é

saborear a masa rebrandecida

e mantela no recordo agardando o momento.


Mais chega unha multinacional perversa

e cambian a receita da masa de galleta...

roubáranme a madalena de proust

2.24.2012

Happy Birthday Rosalía

Hoxe é o 175 aniversario do nacemento da Rosalía. Unha muller que non era nin inculta nin beata, por moito que nos quixeron facer crer durante moito moito tempo. Debe ser cousa de homes o de ser cultivado e liberado de ataduras relixiosas, pero o certo é que este é un marabilloso día para reflexionar sobre este tipo de ideas.

María Mariño, Christina Rosetti, Emily Dickinson, Virginia Wolf, Emilia Pardo Bazán... a todas elas a historiografía literaria masculina adoita asignarlle epítetos que pouco teñen que ver coa súa obra, adexectivos que os propios textos contradín de xeito plausible. Chorona, Beata, Inculta, Depresiva, Reprimida, Machorra, Infeliz, Enferma... Estas son algunhas das fermosas palabras que teño lido e escoitado sobre elas e estou xa fartiño. Farto porque me tocou ser home e só podo sentir vergoña polo meu xénero cando vexo absurdeces deste calibre.

Así que a partir de agora vou empezar a escribir como un chorón, inculto, beato, depresivo, reprimido, machooro e infeliz enfermo, a ver se algún día consigo facer un texto coa decima parte da forza literaria e existencial da muller que lle deu as nosas letras o seu verdadeiro camiño.



[...] -¡Ai, qué Santasa!
¡Ai, qué Santona!
Ollos de meiga,
cara de mona [...]

*así fala a beata de Rosalía á imaxe dunha santa, por se non quedaba de todo claro..

2.02.2012

Loito

Hoxe é día 2 de febreiro. Para min un día de looito que sempre chega metido entre o inverno. Como sen avisar. Cando caio na conta de que este día se chantou diante miña sen que eu poida facer nada por esquivalo, é cando me sobreveñen todos os recordos que gardo no máis fondo, nese lugar onde se levan gardados os cravos dos que Rosalía fala.

Marquei no calendario este día como a xornada na que o mundo se volve un caos. E acostumei o corpo e vivir a contrasentido. Esta é a miña marca. O sinal que levo gravado a ferro.

1.28.2012

Tardes de inverno

Hoxe ía un ventiño deses que ao respirar abren as ventas do nariz e sentes que es algo especial, alguén digno de respirar e encher os pulmóns coa amplitude do propio aire. O sol obrigaba a mirar cara ao chan nun aquel de submisión a terra.


E así fixemos. Collemos a terra coas mans e fixémola nosa sen deixar de pensar na forza caprichosa das nubes. Sen deixar de pensar na forza constante e atraente da lúa. Collemos presadas de terra coas mans núas e sentímonos primitivos e libres.



E puidemos comprobar, que mesmo cando non se observa directamente aos ceos, dependemos dos seus ciclos e a súa vontade. E puidemos comprobar que cando se observa atentamente a terra que cruzou entre os dedos os froitos que xerminan son épica nun lento e continuo movemento.

1.25.2012

Conxunción Mística

Conxunción mística

Inanimada criatura será
a cavernosa boca da harpa
de almidón e madeira
que o vate esgrime como arma
ante as especies da terra
de natural xilófagas.

O abismo da substancia
sen substancia efémera
todo cortiza e ansia
e ollos rasgados a coitela,

Facer cubos do soño
e cruzar a noite escura
sen castigo no hai xogo:
esta é a palabra que perdura.

Notas ao pé e aclaracións
1. O que ti chamas xogo eu chámoo personalidade traballadora e única.
2. Se tan ben se está no Olimpo corre, home, corre.
    Pero de aí, fainos o favor, non saias nunca.
3. Non te creas ti tan forte
    No meu barrio nin unha hora duras.
4. Porque os que nacemos entre pedras, loitas e noite
    Xamais quedaremos a escuras.
5. Paso por ese lugar tan querido esas críticas de xofre
    eu falo do que falo non teñas dúbida
    e non por iso a miña alma dá menos couces
    e non por iso a miña estrofa é menos pura.
6. Mal que che pese, que vos pese, isto non nos doe
    Cada un ao seu, cadanseu e cadansúa,
    queda ti perdendo o norte
    Nós seguimos cun pé no remo e outro na amura.



Postdata na mesma data, non é máis can o que máis late.

Postdata na mesma data, prefirei dicir mil estupideces nun verso a ser estúpido.

1.23.2012

Michel de Montaigne




Non sei eu que mal lle faría a poesía
ao señor Michel do castelo de Montaigne.
Que fixo dela o único paxaro engaiolado
do paraíso das letras;

certo que é a ave máis prezada,
simple e discreta coma o pardal
evocadora coma o voo gracioso das garzas,
mesmo misteriosa coma o quetzal,

certo é, por iso, que ninguén, pensador ou acólito
debera nunca, nunca xamais
facer do verso un eterno loito
e nunca cortarlle as ás.



xogade pois, xograres,
a poesía é puro xogo

1.06.2012



[XÉNESE]


Se arrincase a pel

tería aínda máis frío...

12.29.2011

Chamádeme feo




A FOGUEIRA DAS VAIDADES
'Menos servizos de cáterin e máis servizos culturais'


O 7 de febreiro de 1497 os seguidores do monxe Girolamo Savonarola procederon a queima de miles de obxectos, obras de arte e libros que eran considerados 'pecaminosos'. Cadros de Botticelli (que el mesmo botou a fogueira enfebrecido polas consignas do monxe) libros de Bocaccio e moitas riquezas da arte e da literatura foron queimadas polas rúas florentinas en honra da moralidade e da fe.

O 12 de xullo de 1562 na localidade de Maní (Yucatán) incineráronse centos de obxectos de culto, imaxes e códices da cultura Maia. O Auto de fe de Maní, ordenado por Diego Landa, procuraba destruír e perseguir os cultos propios dos indíxenas. Nesta queima destruíronse documentos, xa irrecuperables, do acervo cultural maia que hoxe serían importatísimos para estudos históricos, etnográficos, etc.

O 10 de maio de 1933 na fermosísima Bebelplatz de Berlín un grupo de rapaces instigados por un ministro de propaganda (escollido democraticamente) procederon á queima de máis de 40.000 libros que se consideraban nocivos. O ministro era Joseph Goebbels e os executores dos volumes eran centos de rapaces de camisas pardas que máis tarde serían executores de miles de persoas, facendo realidade a frase de Heine no 1817: "Iso só foi un preludio, aí onde se queiman libros, termínanse queimando tamén persoas".

Despois do golpe de estado do 11 de setembro de 1973 en Chile, o exército comandado por Augusto Pinochet tivo entre os seus cometidos matar e torturar a centos de persoas e, tamén, queimar libros de política.

O 1 de xaneiro de 2012 na céntrica rúa de Policarpo Sanz de Vigo, fronte ao edificio Sanchón onde traballaba o próximo homenaxeado nas Letras Galegas, a concelleira de cultura e o Alcalde da cidade fecharán o arquivo fotográfico máis importante da cidade. Esta condena equivale a unha incineraración pública do noso patrimonio máis vivo, máis catalogado, máis gráfico.

Non quero, nin moito menos, comparar ao señor Caballero ou a señora Abelairas co fraile Girolamo ou co inefable Augusto. Non obstante, o desmantelamento de servizos culturais ao que están somentendo a esta cidade desde o comezo da lexislatura só pode calificarse de barbarie.

As excusas poden ser moitas e de seguro que atopan na crise un bo escudo para xustificar esta aniquilación de servizos que se suma a complicidade nunha fusión bancaria que nos deixa sen a necesaria Obra Social.

E é que ninguén quere cultura cando non hai traballo.

Ninguén quere ler libros cando os xornais están cheos de malas novas.

Ninguén quere ver exposicións cando as imaxes de cada día son cada vez máis desoladoras.

"A crise é unha excusa magnífica, son momentos difíciles. Esforzos e sacrificios. Hai que conter o gasto. Hai servizos infrautilizados (os culturais) que custan moitos cartos dos contribuíntes".

Iso si. Vigo "está poñéndose guapa", tal como rezaba un eslogan en plena febre de inauguracións.

Vigo ponse guapa a golpe de poñer flores e eliminar cultura. Guapos nos poñemos furando a cidade de aparcadoiros mentres a Emao vive coa continua incerteza do seu peche. Todas e todos fermosísimas e fermosísimos e paseando baixo luces de Nadal mentres quedamos sen pasear entre as fotos dos nadais pasados.

Querida Isaura, querido Abel, se queredes: chamádeme feo...

12.28.2011


[INOCENTES]

Velaquí a maior inocentada.

Obsérvena,

contémplena en toda a súa crueza:

a vida
unha broma pesada.

12.27.2011

Tótem





Uns fan a vida como arquitectos,
subíndolle pisos,

mentres, nós,
fomos facéndonos
como se deseñan os totem
apilando vidas e símbolos.

12.26.2011

os monstros




No día en que a sorte emigrou
entraron os monstros
pola porta do fogar
e coméronme dende dentro


somos monstros

12.22.2011

500 entradas polo Nadal

Dicía Cunqueiro nun dos seus textos máis reproducidos: "se de min algún día, despois de morto, se quixese facer un eloxio, e eu estivese dando herba na terra nosa, podería dicir a miña lápida: "aquí xace alguén que coa súa obra fixo que Galicia durase mil primaveras máis". Eu quero ser moito máis comedido, os tempos non están para tanto derroche de optimismo, gustaríame ser recordado como alguén que coa súa obra de palabra ou de facto, logrou que a lingua de Galicia durase tres segundos máis.

Polo de agora no proxectoQ conseguiu uns pequenos retos. Esta é a sexta vez que consigo felicitar o Nadal no meu xeito particular. E para esta vez fágoo dun xeito moi espcial, xa que esta sexata felicitación é ademais, a entrada número cinconcentos (500 entradas! quen moi ía dicir naquel tempo desesperanzado). A todas e todos os que me acompañastes neste percorrido tan emotivo só podo agradecervos a vosa paciencia e a vosa compaña. E de todos os que por aquí parades non quero esquecerme dalgúns nomes moi concretos:

- A miña felina, compañeira e primeira luz que me acompaña, a única que logra manterme en pé cando todo ao meu redor se volve ruína.

- Aos meus pais por termar de min e pola súa inesgotable paciencia.

- Aos pais dos meus fermosos sobriños por achegar un vento fresco a esta familia.

- A todas as ausencias que me pesan na alma, agardo algún día o rencontro.

- As miñas grandes amizades que sempre recordo aínda que non sempre teñamos tempo para abrazarnos. Meus queridos kukaratxo, juncal, bouvy, pena (e todos os que me odiarán por esquecelos aquí) aos seus pés.

- A toda a familia de @poetasdahostia un pulo constante para seguir.

- A toda a xente magnífica que coñecín a través deste caderno gárdovos a todos nalgún lugar bo.

Este ano non haberá postal de Nadal do proxectoQ, quero que este ano da fin do mundo levedes un recordo máis meu (e voso). ABANDONOS é para todas e todos vós, para que o queimedes pola miña alma o día que eu falte.

P.S. A imaxe leva a unha ligazón en google docs onde podedes descargar o pdf orixinal con todos os textos. Se non o ves correctamente podes escribirme un mail a dlandesa@gmail.com e gustosamente o enviarei.

12.14.2011


[POESÍA QUE NACE DE DENTRO]


EU SON

xa dende a pel


todo entrañas.


11.24.2011

CINZAS

O mundo está a volverse gris coma as cinzas das cinzas de cada un dos incendio que fun provocando,

un lugar tan calcinado como este non debera ser habitable e non obstante

velaquí estamos, procurando algo de comer entre os restos,

procurando unha última brasa que dea algo de calor a este existir lento e frío coma ánima.


Decidimos chamar a este lugar sen luz, fogar

e vestímolo como só poden vestirse os xoguetes máis queridos da infancia,

coa maior das paixóns entre roupas falsas.


Fixen cinzas dos meus órganos e ti chamáchelo amor, e só eran cinzas, só cicatrices.

11.15.2011

Happy Curtis Certame de Narracións breves!

Non quería esquecer difundir este certame tan, tan chulo. Quizais non sexa o mellor pagado das nosas letras, pero, ollo! cartos hainos. Pero o certo é que resulta unha singularidade de iniciativa que cada ano consegue superarse no seu "bo rollismo". Si, é un concurso temático, pero cuns temas tan absolutamente xeniais que non sei que carafios facedes que non teñes xa un lapis nas mans e estas escribindo o mellor día da túa vida!

Velaquí tendes AS BASES.

11.08.2011

DISOCIAIS

Disociais é un espectáculo a medio camiño entre o concerto de autor, o recital poético e a excusa perfecta para ir a un bar a compartir momentos como os que saen nos anuncios de cervexas coa xente que máis queremos.

Este espectáculo xorde das mentes inquedas de Isaac Mariño (ex-Dias Descalzos, ex Small Coffins) na parte musical e Daniel Landesa (Poetasdahostia) na banda poética creando un evento concibido como unha unidade. Disociais é un cóctel onde mesturamos as cancións intensas de Mariño cos recitados de Landesa.

E sérvese tanto en frío como en quente.

Téntavos?
Polo de agora presentamos o que demos en chamar 'Disociais, format réduit' é dicir unha versión beta na que queremos que participedes coas vosas opinións. Porque este é un espectáculo que queremos crear para vós, de modo que non nos queda outra que escoitar a vosa voz ata conseguir entretervos.

O vindeiro sábado 12 de novembro de 2011, ás  23:00 h. no café UF e dentro do Circulo poético Aberto presentamos esta versión reducida a que agardamos que poidas vir.


Prégase emprego de chaleco antibalas e rigorosa etiqueta. Se levas este cartel co teu nome escrito na parte traseira terás un cartel escrito co teu nome na parte traseira. Calquera parecido coa ficción é pura realidade. Prégase non dar de comer aos artistas. Máis vale proxectil voando que un cento na man. Toda a tipografía foi vexada nesta caixa de texto. A asistencia a este espectáculo non dá dereito a agredir verbalmente a ningúnha estrofa. Permítese fotocopiar toda a actuación sen dereitos derivados. Grazas. Isto non é un simulacro. Amámosvos




Café UF



Replica el gallego


Onte seica houbo un debate. Eu entereime cando chegaba a casa logo dun día de traballo e logo de ir a clases. Por un momento breve a miña cabeza activou o chip, debate electoral>prender a tele.  A senguir prendéronseme todas as alarmas e pasoume a parvada, moi afortunadamente.

O caso e que eu son nacido nunha xeración á que lle venderon que a preparación e o esforzo eran claves para conseguir todo o que un se propuxese, mesmo mercar un Renault Clio. Son dunha xeración que escoitaba ao remate do xantar 'termínate eso que también costó cuartos' do meu añorado avó estremeño. Da mesma xeración que aprendeu a odiar o fútbol nun mundial construído a todo luxo sobre as cinzas dun país destrozado. Da mesma xeración que soñou con ser astronauta ata que se lle pasou a fantasía dunha soa tacada. Aínda que non veña a conto así é como me gusta verme xeracionalmente. É por iso que onte, malia ter unha conciencia política e participativa bastante formada decidín pasar dunha forma consciente da pantomima que dous SAEP (Señores Aunque Escasamente Preprados) escenicaban unha margarina democrática (estes mesmos dous señores que se cren na posesión de sinalar quen é e quen non é democrático).

Coma sempre cando falo destes temas acábome liando nunha retórica que dende que non me convence dende que o sistema me condenou a unha formación deficitaria (para formarse de verdade había que saír fóra) e a un traballo de merda (para un traballo de verdade hai que... vaia! tamén saír fóra!). Resumindo: non vin o debate porque me cabrea ver semellante despilfarro co único motivo de divinizar a dous actores incompententes que visten a túnica da democracia sobre árbores xenealóxicas que botan raíces sobre o cemiterio da liberdade.

O panorama que nos quedará logo do 20 de novembro será decorazonador. Pase o que pase non haberá campá que nos salve. E como di o xornalista que editou a reportaxe que aparece hoxe en yahoo noticias, cando chegue o día 21 e alguén nos pregunte, daremos algunha resposta "gallega" (por que a procedencia do candidato só sae a colación para indicar que non contesta de forma moi clara) ou ben tiraremos de gracejo andaluz, ou de calquera outro tópico ferinte... en fin.


[BOLSAS DO RAMÓN PIÑEIRO]

Santiagueses de Santiago

tratade ben os de Vigho,

cando van, van cun currículo,

cando vén, vén como caixeiros...



do Gadis.

11.07.2011

Linguaxes


foi a delicadeza da linguaxe
milenaria dos abanos
a que ancorou aos namorados
a existir no gume da lingua

e arrincar as feridas.

11.02.2011

Taxidermia

cando descubriu as alerxias
o derradeiro taxidermista de Leipzig


encheu de algodóns e formol
os dedos das mans.

10.31.2011

Corazón de feridas




(fixen un corazón de cinza
e feridas
para atravesalo logo
ata ver como pronunciaba
o derradeiro latexo)

Borranchos

Cando falo por teléfono ou cando me obrigan a permanecer en reunións aburridas non paro de garabatear. Normalmente fago variacións sobre a miña propia sinatura e outras deformo palabras e rodéoas de asteriscos e parvadas do máis variado.

Esta pequena obsesión chega ata tal punto que días máis tarde atopo varias páxinas seguidas da miña libreta cun borrancho propio de calquera enfermo psicótico, cheo de debuxos absurdos e sinaturas compulsivas. E sobre o escritorio do meu traballo vou acumulando recados telefónicos rodeados de cores e máis sinaturas. Se alguén resucita a Lacan que mande un mail, nunca está de máis unha opinión profesional.

Non obstante, mentres agardamos o rexurdir da psicanálise, lembro que moitos deses debuxos, ás veces e só ás veces, convídanme a facer pequenas reflexións. Micropoemiñas que esta semana estraña de defuntos vou ir deixando caer por aquí.

10.30.2011

DISOCIAIS

Eu vou avisando, tende os chalecos antibalas preparados. A nós fainos moita ilusión.
Proximamente nos seus garitos habituais.


10.15.2011

VÓS OS BOS

a gabi, bruno, sardiña e por suposto o meu felino

VÓS OS BOS





A primeira viaxe que os meus pés andaron

circularon sendeiros que outros antes

labraron por min.



Lembrade cada palabra nova que aprendestes.

Eu aprendín poñamos por caso: amizade

e pronunciei con voz segura por vez primeira;

pensei suprema

e graváronseme na alma todas as rapaces

que caen sobre as presas coma unha morte lenta.


Aprendédeo ben:


sen vós,


sen todos e cada un de vós,


nunca máis sairía un fonema da miña boca.



Cando eu aprendín a pronunciar: lingua

outros mil antes ca min

inventaran as palabras

enchéndoas do mesmo aire quente

que levan os globos das festas do outono.



Lembrádeo ben:


eu son por todos e cada un de vós,


e se non estades...


eu non son nada.

10.03.2011

[DISLEXIA]


A REDENCIÓN

é un dereito de toda criatura.


Ata que chega o destino

coa súa colección de afasias

e nos conduce á rendición.