9.24.2008

Eduardo Estévez merece o premio

Leo na bitácora de Jaureguízar unha sorprendente nova. Seguín varios dos comentarios e crin que debía/quería expresar unha opinión e mais un apoio. Reproduzo neste meu pequeno espazo o comentario que deixei na bitácora mencionada:

Poñéndome literario o asombro que inunda a alma con esta nova é comparable á visión dunha alma baleira; poñéndome arrabaleiro (como realmente son) direi que flipo con como se revolve ultimamente a cultura.

O meu humilde apoio ao señor Estévez que demostra ser todo un cabaleiro no seu escrito. E un par de apuntamentos:

En primeiro lugar. A poesía é un xénero difícil o seu público é acérrimo mais escaso, isto implica que o único reoñecemento que pode ter un poeta pasa, necesariamente, pola vía dos premios. Non obstante nos últimos anos, a revolución tecnolóxica permite a moitos autores publicar dun xeito sinxelo, ben sexa a través dunha bitácora ben a través dunha páxina persoal. Considerar que a obra que aparece nun deses medios é unha obra editada desmerece, mesmo insulta, a todo o colectivo editorial e o seu traballo.

En segundo lugar. Lanzo agora unha pregunta. O precedente creado por esta decisión podería chegar a acabar cos certames literarios no noso país? Eu persoalmente coido que non, mais si establece perigosas implicacións para os premios literarios. Especialmente se coñecemos o intrincado das relacións literarias na nosa terra. Poderiamos chegar ao momento de que se recusen membros dun xurado? poderá chegar o momento no que algún colectivo considere discriminatorio que un certame esixa que a lingua dunha obra sexa o galego? Agardo que todo quede nunha anécdota.

Por último. Unha puntualización na que probablemente estea equivocado, mais un accésit non é un segundo premio. Tal e como recolle o dicionario da Real Academia Galega: Accésit s.m. Recompensa inferior ó premio, que se concede nun concurso.
Polo tanto, creo, a descualificación do cabaleiro Estévez do premio González Garcés non implica que o señor Lema se aupe ao primeiro posto, senón que este debera quedar deserto.

No hay comentarios: