9.09.2009

Primeiro Certame de MicroQontos

A nosa cultura é cativa. Así o considera o noso máximo responsable (¿ou sendo cativa habería que dicir mínimo responsable?). É por iso que nos, pequenos como somos, debemos asumir esa condición mínima sen complexos e con orgullo, porque como cultura cativa facemos moito e ben. Non termos unha British Academy permítenos certa liberdade de acción, innovación e orixinalidade. E, sobre todo, permítenos, como culturiña que somos, achegar moitas cousiñas fermosas, cativeces que supoñan pequenos proxectos. Porque todo suma.

É por isto que o Proxecto-Q quere sumar, e traer pingas, mínimas iniciativas de creación que axuden dun xeito pequeniño a esta nosa culturiña que é tan tan pequena que ás veces semella grande. Dende o Proxecto-Q convócase, polo tanto, o primeiro certame de MicroQontoS.

BASES
1. Poderán participar todas as persoas que o desexen, coa única condición de teren nome real e un enderezo de correo electrónico.

A nacionalidade dos autores e autoras impórtanos ben pouco. Queda aberto o certame, polo tanto, a persoas nadas en calquera punto cardinal, que envíen os seus MicroQontoS en lingua galega ou expresen o seu desexo de que aparezan neste idioma. (Ofrecemos servizo de tradución -ata os límites que ofrezan as nosas capacidades-)


2. Para participar no Primeiro Certame de MicroQontoS tan só é necesario poñerse en contacto a través do seguinte correo electrónico: dlandesa@gmail.com. No asunto do correo deberá indicarse "I Certame de MicroQontos". No texto propiamente do correo indicará o seu nome e apelidos, así como o seu desexo de participación.

Porémonos en contacto con vostede e farémoslle chegar unha imaxe na que debe basear a súa creación. (Todas as imaxes pertencen a coleccións abertas).

A partir de aí os participantes deberán redactar un MicroQonto orixinal e inédito, cunha extensión non superior á que lles dite a conciencia.

3. Os MicroQontoS seleccionados aparecerán publicados na sección MicroQontoS do blog www.microqontos.blogspot.com facendo mención aos seus autores. Así mesmo, os autores poderán dispor dos seus MicroQontos de xeito libre, puidendo facer deles o que quixer: publicalos nas súas propias bitácoras, enviándoos ao premio Pullitzer, ou facer avións de papel.

4. Cada persoa seleccionada recibirá un pequeno gran agasallo do proxecto-Q que non se pode adquirir nas tendas, nin nas teletendas. Este agasallo-trofeo será unha creación exclusiva cedida por O Sorriso Felino, e que se manterá no segredo máis absoluto.

5. Calquera interpretación destas bases correspóndelle unicamente á bitácora convocante, que resolverá con moita amabilidade e pouco detalle todas as súas dúbidas. Chegado o caso só recoñecemos como entidade mediadora á Oficina do Alto Comisionado para os Dereitos Humanos.

6. Prazo. O prazo rematará cando remate. Principalmente cando se nos esgoten os fabulosos-agasallos-trofeos.

7. Premios. Como xa dixemos. O noso certame é moi modesto. O único premio será un pequeno agasallo-trofeo conmemorativo que poderemos repartir mentres haxa existencias.
.: Exemplos de MicroQontoS en Proxecto-Q :.

6 comentarios:

cilags dijo...

Jejeje, moi boa idea, Señor Q!! E son as bases máis enxeñosas e divertidas que xamais vin para un ConQurso!!

Animado estou, e hei escribirlle para resolver esta anguria da escrita que agroma deste post... ;)

r.r. dijo...

QonQursarei!

r.r. dijo...

¿Oia, e por que non abre un bló específico para o certame?

Danilo dijo...

Pois non era mala cousa...poñome a traballar niso

r.r. dijo...

¡Anúncieo aquí, ou!

Danilo dijo...

Que anuncie o que?