12.29.2011

Chamádeme feo




A FOGUEIRA DAS VAIDADES
'Menos servizos de cáterin e máis servizos culturais'


O 7 de febreiro de 1497 os seguidores do monxe Girolamo Savonarola procederon a queima de miles de obxectos, obras de arte e libros que eran considerados 'pecaminosos'. Cadros de Botticelli (que el mesmo botou a fogueira enfebrecido polas consignas do monxe) libros de Bocaccio e moitas riquezas da arte e da literatura foron queimadas polas rúas florentinas en honra da moralidade e da fe.

O 12 de xullo de 1562 na localidade de Maní (Yucatán) incineráronse centos de obxectos de culto, imaxes e códices da cultura Maia. O Auto de fe de Maní, ordenado por Diego Landa, procuraba destruír e perseguir os cultos propios dos indíxenas. Nesta queima destruíronse documentos, xa irrecuperables, do acervo cultural maia que hoxe serían importatísimos para estudos históricos, etnográficos, etc.

O 10 de maio de 1933 na fermosísima Bebelplatz de Berlín un grupo de rapaces instigados por un ministro de propaganda (escollido democraticamente) procederon á queima de máis de 40.000 libros que se consideraban nocivos. O ministro era Joseph Goebbels e os executores dos volumes eran centos de rapaces de camisas pardas que máis tarde serían executores de miles de persoas, facendo realidade a frase de Heine no 1817: "Iso só foi un preludio, aí onde se queiman libros, termínanse queimando tamén persoas".

Despois do golpe de estado do 11 de setembro de 1973 en Chile, o exército comandado por Augusto Pinochet tivo entre os seus cometidos matar e torturar a centos de persoas e, tamén, queimar libros de política.

O 1 de xaneiro de 2012 na céntrica rúa de Policarpo Sanz de Vigo, fronte ao edificio Sanchón onde traballaba o próximo homenaxeado nas Letras Galegas, a concelleira de cultura e o Alcalde da cidade fecharán o arquivo fotográfico máis importante da cidade. Esta condena equivale a unha incineraración pública do noso patrimonio máis vivo, máis catalogado, máis gráfico.

Non quero, nin moito menos, comparar ao señor Caballero ou a señora Abelairas co fraile Girolamo ou co inefable Augusto. Non obstante, o desmantelamento de servizos culturais ao que están somentendo a esta cidade desde o comezo da lexislatura só pode calificarse de barbarie.

As excusas poden ser moitas e de seguro que atopan na crise un bo escudo para xustificar esta aniquilación de servizos que se suma a complicidade nunha fusión bancaria que nos deixa sen a necesaria Obra Social.

E é que ninguén quere cultura cando non hai traballo.

Ninguén quere ler libros cando os xornais están cheos de malas novas.

Ninguén quere ver exposicións cando as imaxes de cada día son cada vez máis desoladoras.

"A crise é unha excusa magnífica, son momentos difíciles. Esforzos e sacrificios. Hai que conter o gasto. Hai servizos infrautilizados (os culturais) que custan moitos cartos dos contribuíntes".

Iso si. Vigo "está poñéndose guapa", tal como rezaba un eslogan en plena febre de inauguracións.

Vigo ponse guapa a golpe de poñer flores e eliminar cultura. Guapos nos poñemos furando a cidade de aparcadoiros mentres a Emao vive coa continua incerteza do seu peche. Todas e todos fermosísimas e fermosísimos e paseando baixo luces de Nadal mentres quedamos sen pasear entre as fotos dos nadais pasados.

Querida Isaura, querido Abel, se queredes: chamádeme feo...

12.28.2011


[INOCENTES]

Velaquí a maior inocentada.

Obsérvena,

contémplena en toda a súa crueza:

a vida
unha broma pesada.

12.27.2011

Tótem





Uns fan a vida como arquitectos,
subíndolle pisos,

mentres, nós,
fomos facéndonos
como se deseñan os totem
apilando vidas e símbolos.

12.26.2011

os monstros




No día en que a sorte emigrou
entraron os monstros
pola porta do fogar
e coméronme dende dentro


somos monstros

12.22.2011

500 entradas polo Nadal

Dicía Cunqueiro nun dos seus textos máis reproducidos: "se de min algún día, despois de morto, se quixese facer un eloxio, e eu estivese dando herba na terra nosa, podería dicir a miña lápida: "aquí xace alguén que coa súa obra fixo que Galicia durase mil primaveras máis". Eu quero ser moito máis comedido, os tempos non están para tanto derroche de optimismo, gustaríame ser recordado como alguén que coa súa obra de palabra ou de facto, logrou que a lingua de Galicia durase tres segundos máis.

Polo de agora no proxectoQ conseguiu uns pequenos retos. Esta é a sexta vez que consigo felicitar o Nadal no meu xeito particular. E para esta vez fágoo dun xeito moi espcial, xa que esta sexata felicitación é ademais, a entrada número cinconcentos (500 entradas! quen moi ía dicir naquel tempo desesperanzado). A todas e todos os que me acompañastes neste percorrido tan emotivo só podo agradecervos a vosa paciencia e a vosa compaña. E de todos os que por aquí parades non quero esquecerme dalgúns nomes moi concretos:

- A miña felina, compañeira e primeira luz que me acompaña, a única que logra manterme en pé cando todo ao meu redor se volve ruína.

- Aos meus pais por termar de min e pola súa inesgotable paciencia.

- Aos pais dos meus fermosos sobriños por achegar un vento fresco a esta familia.

- A todas as ausencias que me pesan na alma, agardo algún día o rencontro.

- As miñas grandes amizades que sempre recordo aínda que non sempre teñamos tempo para abrazarnos. Meus queridos kukaratxo, juncal, bouvy, pena (e todos os que me odiarán por esquecelos aquí) aos seus pés.

- A toda a familia de @poetasdahostia un pulo constante para seguir.

- A toda a xente magnífica que coñecín a través deste caderno gárdovos a todos nalgún lugar bo.

Este ano non haberá postal de Nadal do proxectoQ, quero que este ano da fin do mundo levedes un recordo máis meu (e voso). ABANDONOS é para todas e todos vós, para que o queimedes pola miña alma o día que eu falte.

P.S. A imaxe leva a unha ligazón en google docs onde podedes descargar o pdf orixinal con todos os textos. Se non o ves correctamente podes escribirme un mail a dlandesa@gmail.com e gustosamente o enviarei.

12.14.2011


[POESÍA QUE NACE DE DENTRO]


EU SON

xa dende a pel


todo entrañas.


11.24.2011

CINZAS

O mundo está a volverse gris coma as cinzas das cinzas de cada un dos incendio que fun provocando,

un lugar tan calcinado como este non debera ser habitable e non obstante

velaquí estamos, procurando algo de comer entre os restos,

procurando unha última brasa que dea algo de calor a este existir lento e frío coma ánima.


Decidimos chamar a este lugar sen luz, fogar

e vestímolo como só poden vestirse os xoguetes máis queridos da infancia,

coa maior das paixóns entre roupas falsas.


Fixen cinzas dos meus órganos e ti chamáchelo amor, e só eran cinzas, só cicatrices.

11.15.2011

Happy Curtis Certame de Narracións breves!

Non quería esquecer difundir este certame tan, tan chulo. Quizais non sexa o mellor pagado das nosas letras, pero, ollo! cartos hainos. Pero o certo é que resulta unha singularidade de iniciativa que cada ano consegue superarse no seu "bo rollismo". Si, é un concurso temático, pero cuns temas tan absolutamente xeniais que non sei que carafios facedes que non teñes xa un lapis nas mans e estas escribindo o mellor día da túa vida!

Velaquí tendes AS BASES.

11.08.2011

DISOCIAIS

Disociais é un espectáculo a medio camiño entre o concerto de autor, o recital poético e a excusa perfecta para ir a un bar a compartir momentos como os que saen nos anuncios de cervexas coa xente que máis queremos.

Este espectáculo xorde das mentes inquedas de Isaac Mariño (ex-Dias Descalzos, ex Small Coffins) na parte musical e Daniel Landesa (Poetasdahostia) na banda poética creando un evento concibido como unha unidade. Disociais é un cóctel onde mesturamos as cancións intensas de Mariño cos recitados de Landesa.

E sérvese tanto en frío como en quente.

Téntavos?
Polo de agora presentamos o que demos en chamar 'Disociais, format réduit' é dicir unha versión beta na que queremos que participedes coas vosas opinións. Porque este é un espectáculo que queremos crear para vós, de modo que non nos queda outra que escoitar a vosa voz ata conseguir entretervos.

O vindeiro sábado 12 de novembro de 2011, ás  23:00 h. no café UF e dentro do Circulo poético Aberto presentamos esta versión reducida a que agardamos que poidas vir.


Prégase emprego de chaleco antibalas e rigorosa etiqueta. Se levas este cartel co teu nome escrito na parte traseira terás un cartel escrito co teu nome na parte traseira. Calquera parecido coa ficción é pura realidade. Prégase non dar de comer aos artistas. Máis vale proxectil voando que un cento na man. Toda a tipografía foi vexada nesta caixa de texto. A asistencia a este espectáculo non dá dereito a agredir verbalmente a ningúnha estrofa. Permítese fotocopiar toda a actuación sen dereitos derivados. Grazas. Isto non é un simulacro. Amámosvos




Café UF



Replica el gallego


Onte seica houbo un debate. Eu entereime cando chegaba a casa logo dun día de traballo e logo de ir a clases. Por un momento breve a miña cabeza activou o chip, debate electoral>prender a tele.  A senguir prendéronseme todas as alarmas e pasoume a parvada, moi afortunadamente.

O caso e que eu son nacido nunha xeración á que lle venderon que a preparación e o esforzo eran claves para conseguir todo o que un se propuxese, mesmo mercar un Renault Clio. Son dunha xeración que escoitaba ao remate do xantar 'termínate eso que también costó cuartos' do meu añorado avó estremeño. Da mesma xeración que aprendeu a odiar o fútbol nun mundial construído a todo luxo sobre as cinzas dun país destrozado. Da mesma xeración que soñou con ser astronauta ata que se lle pasou a fantasía dunha soa tacada. Aínda que non veña a conto así é como me gusta verme xeracionalmente. É por iso que onte, malia ter unha conciencia política e participativa bastante formada decidín pasar dunha forma consciente da pantomima que dous SAEP (Señores Aunque Escasamente Preprados) escenicaban unha margarina democrática (estes mesmos dous señores que se cren na posesión de sinalar quen é e quen non é democrático).

Coma sempre cando falo destes temas acábome liando nunha retórica que dende que non me convence dende que o sistema me condenou a unha formación deficitaria (para formarse de verdade había que saír fóra) e a un traballo de merda (para un traballo de verdade hai que... vaia! tamén saír fóra!). Resumindo: non vin o debate porque me cabrea ver semellante despilfarro co único motivo de divinizar a dous actores incompententes que visten a túnica da democracia sobre árbores xenealóxicas que botan raíces sobre o cemiterio da liberdade.

O panorama que nos quedará logo do 20 de novembro será decorazonador. Pase o que pase non haberá campá que nos salve. E como di o xornalista que editou a reportaxe que aparece hoxe en yahoo noticias, cando chegue o día 21 e alguén nos pregunte, daremos algunha resposta "gallega" (por que a procedencia do candidato só sae a colación para indicar que non contesta de forma moi clara) ou ben tiraremos de gracejo andaluz, ou de calquera outro tópico ferinte... en fin.


[BOLSAS DO RAMÓN PIÑEIRO]

Santiagueses de Santiago

tratade ben os de Vigho,

cando van, van cun currículo,

cando vén, vén como caixeiros...



do Gadis.

11.07.2011

Linguaxes


foi a delicadeza da linguaxe
milenaria dos abanos
a que ancorou aos namorados
a existir no gume da lingua

e arrincar as feridas.

11.02.2011

Taxidermia

cando descubriu as alerxias
o derradeiro taxidermista de Leipzig


encheu de algodóns e formol
os dedos das mans.

10.31.2011

Corazón de feridas




(fixen un corazón de cinza
e feridas
para atravesalo logo
ata ver como pronunciaba
o derradeiro latexo)

Borranchos

Cando falo por teléfono ou cando me obrigan a permanecer en reunións aburridas non paro de garabatear. Normalmente fago variacións sobre a miña propia sinatura e outras deformo palabras e rodéoas de asteriscos e parvadas do máis variado.

Esta pequena obsesión chega ata tal punto que días máis tarde atopo varias páxinas seguidas da miña libreta cun borrancho propio de calquera enfermo psicótico, cheo de debuxos absurdos e sinaturas compulsivas. E sobre o escritorio do meu traballo vou acumulando recados telefónicos rodeados de cores e máis sinaturas. Se alguén resucita a Lacan que mande un mail, nunca está de máis unha opinión profesional.

Non obstante, mentres agardamos o rexurdir da psicanálise, lembro que moitos deses debuxos, ás veces e só ás veces, convídanme a facer pequenas reflexións. Micropoemiñas que esta semana estraña de defuntos vou ir deixando caer por aquí.

10.30.2011

DISOCIAIS

Eu vou avisando, tende os chalecos antibalas preparados. A nós fainos moita ilusión.
Proximamente nos seus garitos habituais.


10.15.2011

VÓS OS BOS

a gabi, bruno, sardiña e por suposto o meu felino

VÓS OS BOS





A primeira viaxe que os meus pés andaron

circularon sendeiros que outros antes

labraron por min.



Lembrade cada palabra nova que aprendestes.

Eu aprendín poñamos por caso: amizade

e pronunciei con voz segura por vez primeira;

pensei suprema

e graváronseme na alma todas as rapaces

que caen sobre as presas coma unha morte lenta.


Aprendédeo ben:


sen vós,


sen todos e cada un de vós,


nunca máis sairía un fonema da miña boca.



Cando eu aprendín a pronunciar: lingua

outros mil antes ca min

inventaran as palabras

enchéndoas do mesmo aire quente

que levan os globos das festas do outono.



Lembrádeo ben:


eu son por todos e cada un de vós,


e se non estades...


eu non son nada.

10.03.2011

[DISLEXIA]


A REDENCIÓN

é un dereito de toda criatura.


Ata que chega o destino

coa súa colección de afasias

e nos conduce á rendición.

9.28.2011

Utopías

Imaxina ter algo así, da pantalla á impresión sen modificacións. Pura utopía...




Via

9.26.2011

A HOSTIA EN VERSO NEOFALANTES VS. PALEOFALANTES


Reforcen as columnas das súas casas, apontoen as súas solainas, revistan os tabiques con formigón armado. Imos facer tremer os cimentos da cidade de Vigo cun novo combate da hostia en verso, o enfrontamento lírico máis disparatado dos últimos tempos.

O día internacional da tradución inspirou esta pelexa, que enfrontará a Neofalantes VS. Paleofalantes. Os poetas-púxiles que participarán nesta intensa velada son: Daniel Landesa, Xabier Xil Xardón, Neves Soutelo, Nolim Gz, Eduardo Estévez e Ledicia Costas, acompañados das presentadoras máis revolucionarias que pisaron un escenario: María Lado e Lucía Aldao.

E todo isto estará amenizado por un músico de excepción, o único artista punk do mundo coa habilidade do desdobramento de personalidade en escena: O Leo I Arremecághona!

Marcade na vosa axenda o día 29 de setembro cunha P de poesía e achegádevos ao Bou Eva, na Rúa Terzo de Fóra, 11.

Entrevistas, felicitacións e ofertas de contratación: poetasdahostia@gmail.com

Queixas, insultos, reclamacións: info@xunta.es

9.25.2011


[ESTILO]

Debaixo de todas as capas de actitude

un punk é sempre




un gentleman.

9.23.2011

Congreso de Nacionalidades Europeas - 1933

Onte cumpríronse 78 anos do ingreso de Galicia no Congreso de Nacionalidades Europeas celebrado en Berna. Daquela na representación do país de noso foi Plácido Castro (Plácido Ramón Castro del Río) polo seu dominio dos idiomas e polo seu cosmopolitismo. El foi o encargado de presentar a declaración institucional, en galego e inglés (algo quizais impensable hoxe). O profesor, que colaboraba co diario El Pueblo Gallego, publicou unha serie de artigos que falaban sobre a importancia destes feitos.

Eu tiven a oportunidade de colaborar coa Fundación Plácido Castro hai xa unha chea de anos. Aínda lembro os enormes fardeis de xornais nos que ir procurando os artigos do corcubionés. Lembro a letra pequena do linotipo do xornal do que laboriosamente fun traducindo unha chea de artigos tan tan lúcidos coma este que aquí vos traio.

E quero traelo porque hoxe. Porque hoxe o pensamento en galego vai desaparecendo da prensa e haberá que traelo dende o pasado. Porque hoxe o concepto de nación volve ao seu sentido máis decimonónico. Por que hoxe parece que ser cosmopolita reñe directamente co ser dun lugar non central. Por todo iso e máis, don Plácido:



De Plácido Ramón Castro del Río, representante galego no Congreso
“El IX Congreso de Nacionalidades Europeas. El ingreso de Galicia”. El Pueblo Gallego, sábado 30 de setembro de 1933.Tradución ó galego de Daniel Landesa Porras.
"Por primeira vez na súa historia Galicia concorreu con personalidade propia a un Congreso internacional. Someteu á consideración dun organismo adxunto á Sociedade das Nacións -formado por representantes de case tódolos pobos ou minorías que non atopan salvagardados os seus máis íntimos sentimentos e intereses baixo o réxime oficial do Estado en que viven- un documento no que se fan consta-las circunstancias que xustifican o dereito de Galicia a ser considerada como unha nacionalidade. Os informes recollidos previamente pola Secretaría do Congreso durante unha visita á nosa terra confirmaban a tese nacionalista e probaban a satisfacción do Congreso no que non se falaba dun movemento xurdido da imaxinación e o idealismo duns cantos soñadores, senón dun feito real e importante.
Por esa razón foi acollida Galicia no Congreso de Nacionalidades Europeas e admitiuse a declaración presentada pola súa delegación que di: 
“O Partido Galeguista, partido nacional dos galegos, representado no Parlamento español polos deputados Otero Pedraio, Castelao e Suárez Picallo, declara solemnemente ó participar unha delegación galega no IX Congreso de Nacionalidades Europeas, baseándose sobre o “RAPPORT” sometido á consideración do Secretario Xeral do citado Congreso, que o pobo de Galicia, que conta con máis de dous millóns de almas e habita a totalidade do territorio de Galicia, é unha nación ben definida, que se diferencia claramente dos outros pobos que habitan España. A súa orixe, a súa historia, o seu idioma, e os seus costumes xustifican esta diferencia dunha maneira absoluta”. 
Ó facer constar ante a opinión pública estes feitos incontestables o partido nacional dos galegos proclama o dereito innegable do pobo galego a dispoñer de si mesmo. O pobo galego reclama a plena liberdade do emprego do seu idioma materno, especialmente na instrucción. Reivindica igualmente o respecto dos seus costumes e pide a implantación da máis ampla autonomía posible, por esixila os seus intereses económicos e culturais. 
Galicia desexa vivir en boas relacións coas outras nacionalidades de España e quere colaborar con elas para a regulamentación de tódalas cuestións de interese común. É evidente que non opón ningún obstáculo á realización dun ideal federal, calquera que sexa a a súa amplitude.
O partido nota con satisfacción que unha unidade de apreciación se estableceu xa entre galegos, cataláns e vascos, que, por outra parte, xa se realizara coa fundación dunha organización chamada “Galeuzca”, que coordina os movementos nacionais de Galicia, Euskadi e Cataluña. 
Sinalamos tamén a cordial benvida dispensada á delegación galega no discurso inaugural do presidente Doutor Josip Wilfan, eminente xurisconsulto de Trieste e ex-deputado esloveno no Parlamento italiano, que dedicou afectuosas palabras que foron recollidas na prensa europea. Diremos igualmente, antes de finalizar esta primeira crónica, que a delegación galega acompañou ó Comité Permanente do Congreso na súa visita a M.Mowinchel, presidente do Consello da Sociedade das Nacións, e escoitou de beizos do primeiro ministro noruegués, frases de simpatía cara os movementos que loitan por manter e salva-las culturas e o espírito das nacionalidades. Non podía ser outro o criterio do representante dunha pequena patria como Noruega, nin o do político que contribuíu sinaladamente á separación de Suecia e Noruega. Mágoa que esta admirable nación, defensora dos dereitos das nacionalidades, deixe este ano de pertencer ó Consello da Sociedade de Nacións. 
E nada máis neste primeiro artigo que salienta a cordial acollida atopada en todas partes, o xenuíno interese que espertou a incorporación do nacionalismo galego á vida europea e o recoñecemento cara a nación Suíza, que puxo o edificio do seu Parlamento a disposición do Congreso, e ó seu presidente que recibiu con afectuosas palabras ós delegados. 
Expostos estes feitos de fundamental interese para Galicia, noutras crónicas darase unha impresión do desenvolvemento das discusións do pasado Congreso e estudiarase a significación que para Galicia ten a adhesión do noso movemento nacionalista a unha das organizacións máis interesantes da vida internacional de Europa.

P. R. Castro."



9.19.2011

BLIND. LÓXICA REFLEXIÓN SOBRE A HUMANIDADE

Vivirmos coma se fósemos cegos ao mundo. Porque só así poderiamos xustificar as cousas que cada día nos entran polos ollos. Obstinámonos por tanto no paradoxo de observar o mundo cos ollos cegos, sen valo para andar ás tentas, sen valor para asumir todo o que nos desagrada.

O concepto de humanidade está a mudar, somos seres automáticos, insensibles á dor allea por temor a dor propia, as bágoas polos sufrimento dos demais é só un recordo dun pasado arcaico, hoxe nada disto nos importa. O novo mundo. A nova humanidade. O egoísmo gregario.

Cada vez que sufrimos un telexornal todas e todos pensamos cousas tales como: "pobre rapaz africano famento, debería facer algo... pero é que tamén poñen estas cousas a hora de comer que non hai dereito" non nos preocupa porque o 'pobre meniño con rostro de terra' vive nun país onde nos non vivimos, e come unha terra que nós non pisamos. Erro. Todos vivimos no mesmo país, pero uns pisamos a terra que outros comen. Isto é así. Pero estamos tan acostumados a vestir a pel do pisado e do pisador, que nin o rapaz de mans de fame nin nós coas adidas cheas de fartura, somos quen de caer na conta que todos somos da mesma raíz, que todos nacemos da mesma semente.

Así é o mundo que estamos construíndo entre todas e todos: un mundo inxusto no que nos sentimos medianamente satisfeitos, sen aspirar a toda a felicidade que nos colla nas mans porque entón entrariamos nun grupo diferente: os inconformes. Porque, meus amigos e amigas, quen aspira a felicidade certa ten a condena dun longo camiño de incomodidade, de sentirse presa dun mundo abondo pequeno, co perigo constante de recordar canto doen os sucos das verdadeiras bágoas.

Abramos os ollos e aspiremos a felicidade completa, por moito que esta nos doe.


Velaí o camiño, o único camiño

9.14.2011

II ANDAINA POLA PROTECCIÓN DA SERRA DO GALIÑEIRO



Pídenme que lle dea difusión a este evento, e como eu sonvos moi guiadiño, velaí a vai:


O próximo domingo 18 de setembro está convocada  a II Andaina pola protección da serra do Galiñeiro.
 
Sáese do Aloia ás 11 da mañá para chegar a Vincios (parque forestal) sobre as 2 da tarde. Alí a xente poderá comer o que leve, haberá un chiringuito onde poder mercar algo de bebida, bocatas etc. Pola tarde a actuación do coro Cantares do Brión e algún grupo de gaiteiros. 
 
Dende Vincios sairán autobuses  ás 9:30 da mañá para o Aloia. Pódese deixar estacionado o coche na mesma zona de onde sae o autobús (polígono da Pasaxe). O custo é de 3 €. Pero é necesario reservalo con antelación.
 
Dende Vigo hai, tamén, autobuses ata o Aloia. Saen da Praza de España  as 9:30 da mañá.  A volta a Vigo (Praza de España) fana os mesmos autobuses dende Vincios as 6 da tarde. O prezo do autobús, ida e volta, dende Vigo é de 5 €.
 
Para reservar praza para calquera dos autobuses ou para calquera dúbida que teñades  podedes chamar ao teléfono  986 438505 de 19,00 a 21,30.
 
 
 
Tamén podedes obter información na pagina serradogalinheiro.org
 

9.12.2011

Eternamente aspirante

Non me rindo, por moito que nos vosos ollos vexa a esperanza e nos meus só descubra que serei eternamente Lyudmila Turishcheva ou Giani Bugno: eternamente aspirante. Non me rindo, pero...







Sylvia Plath - The Applicant


First, are you our sort of a person?
Do you wear
A glass eye, false teeth or a crutch,
A brace or a hook,
Rubber breasts or a rubber crotch,


Stitches to show something's missing? No, no? Then
How can we give you a thing?
Stop crying.
Open your hand.
Empty? Empty. Here is a hand


To fill it and willing
To bring teacups and roll away headaches
And do whatever you tell it.
Will you marry it?
It is guaranteed


To thumb shut your eyes at the end
And dissolve of sorrow.
We make new stock from the salt.
I notice you are stark naked.
How about this suit----


Black and stiff, but not a bad fit.
Will you marry it?
It is waterproof, shatterproof, proof
Against fire and bombs through the roof.
Believe me, they'll bury you in it.


Now your head, excuse me, is empty.
I have the ticket for that.
Come here, sweetie, out of the closet.
Well, what do you think of that ?
Naked as paper to start


But in twenty-five years she'll be silver,
In fifty, gold.
A living doll, everywhere you look.
It can sew, it can cook,
It can talk, talk , talk.


It works, there is nothing wrong with it.
You have a hole, it's a poultice.
You have an eye, it's an image.
My boy, it's your last resort.
Will you marry it, marry it, marry it.

9.08.2011

Composition no.1


Visual Editions é unha desas rarezas no mercado editorial mundial que dá gusto ver. Ten a súa sede en Londres que é algo que sempre queda cool nunha carta de presentación, pero ademais de vivir en londres, esta editora trata os libros dunha forma moi especial. Non se trata de libros sen máis, tampouco son exactamente libros obxecto. Trátase de experimentos que se nos presentan a modo de libro.

E é que en Visual Editions cren nun concepto que se chama escritura visual, onde o libro non é só un continente, senón un valor engadido ao contido, forma parte indisoluble del, como un complemento, un recurso estilístico máis. Ademais, poñéndonos un pouco máis prosaicos, en Visual Editions fan un traballo impresionante e coidado no deseño de cada unha das obras que editan. Para proba estas dúas imaxes:


E como axiña veredes, deixei o mellor para o final. Un libro que, segundo anuncia a propia editora "This book can be read in any order." Se vedes o vídeo comprenderedes ata que punto:



L'alma robada

Pois si amiguiños.Este venres volvemos a darlle á tarabela para botar a andar uns poemas para que vos fagan cóxegas nas orellas... se queredes. Pero desta vez nin hostia en verso, nin comicada, trátase dun evento moi serio e formal no que o escritor asturianu Pablo Texón presenta o seu libro L'alma robada. Así como o oídes, unha firme declaración de normalidade que nos brinda a Asociación Cultural Bou Eva. Normalidade porque a creación está por riba de tormentos e fronteiras políticas, normalidade porque debería ser normal que se apoien mutuamente as diferentes nacións que conforman este reino.

E esta vai ser unha presentación das que fan época xa que comparten unha premisa na que eu creo firmemente: a letra con compango entra. E as amigas e amigos do Bou téñennos preparada unha sorpresa a modo de polbo a feira e sidra coa que recitaremos con máis ímpeto, máis forza, máis fermento! 

9.06.2011

O cable de ZP, a voltas coa educación e "o galego non vale de excusa"

Benqueridos amiguiños, teño o móbil do señor Rodríguez Zapatero. Ou mellor sería dicir que "supostamente" teño o mobil de J.L.R.Z. Porque resulta que nestes días wikileaks publicou un cable da embaixada norteamericana en Madrid con información de contacto de diferentes estamentos como o rei, o presidente do goberno etc.

O cable ao completo podédelo consultar aquí. Pero para o que nos ocupa o importante é esta parte da que fago algúns resaltados:

Head of Government Last/Family Name: Rodriguez Zapatero First/Middle Names: Jose Luis Conventional Usage: President Zapatero Formal Title: President of the Government Office Telephone Numbers: 34-91-390-0323 After-Hours Official Numbers: (through his Crisis Management Cabinet) 34-91-390-0300 Residence Telephone Numbers: Cell Phone Numbers: 34-647-845-620 Comments: President Zapatero does not speak English. When calling his office, one of his secretaries is likely to answer. Ms. Gertrudis Alcazar is the head Secretary. Chief of Cabinet phone number (Mr. Jose Enrique Serrano)- 34-91-390-0462 / 0601 / 0365 Secretary General of the Presidency (Mr. Bernardino Leon) - 34- 91-390-0971. Cell: 34-647-845-620

Como podedes observar, efectivamente publícase un número de móbil como forma de contacto para o (informalmente) presidente. Así o publicou o diario en liña La Información (xenial diario por certo se non o coñecedes). Non obstante, a pouco que se observe o cable, un pouco máis abaixo (o último resaltado) atribúese o mesmo número ao "Secretary General of the Presidency (Mr. Bernardino Leon). Co cal é bastante probable que se trate dun número de centraliña e non do móbil en si.

Esta información carecería de calquera interese se non fose polo resaltado central que procedo a repetir, por se non quedase claro de todo:

President Zapatero does not speak English. When calling his office, one of his secretaries is likely to answer. Ms. Gertrudis Alcazar is the head Secretary.
Isto é. Na información que teñen na embaixada norteamericana sobre o presidente do reino de España (Kingdom of Spain) é que se queren falar en inglés con el deberano facer coa señora Gertrudis, que é a que si que sabe.

E é que aos políticos do noso país non lles custa demasiado recoñecer que non saben falar inglés (a lingua franca na diplomacia). nos últimos anos recoñecérono tanto Rajoy, como Zapatero, como Feijoo e o mesmo Ansar demostrouno nunha serie de conferencias propias de Videos de Primeira. É só un síntoma. Non só son persoas que non están preparadas, senón que ademais cren firmemente en que esta preparación non é necesaria. Explícome. O señor Zapatero botou oito anos de mandamáis, o señor Ansar outros tantos, o señor Feijoo tamén os botará, e todo indica que o barbado Rajoy botará unha longa tempada ben sentado. E a ningún deles se lle ocorreu nin se lle ocorrerá ir a unha clase para solucionar un déficit grave na súa formación que incide directamente no seu labor diplomático.

Esta é a clase política que temos, xa se sabe, de vía estreita.

Ah! agarden vostedes! Non obstante, nesta miña terra, a miúdo emprégase a excusa da "mellor formación en inglés" para eliminar horas lectivas da lingua propia (así o di o estatuto), alimentando a lenda orixinada en grupúsculos de exterminio lingüístico de que as horas ("innecesarias") nas que os nenos estudan galego inciden de forma negativa na súa aprendizaxe de inglés.

Ben, pois nin Zapatero, nin Rajoy, nin Ansar nin sequera Feijoo, deberon dar unha soa materia no seu currículo acedémico de lingua galega... e inglés inglés tampouco falan non é?

País de m.


[MOROPA]


cada vez que mariano
sobe


ao barco
dun narco


eu fago unha rima fácil.


9.01.2011

Reciclaxe, libros, poetry flashes e unha gravata.



Este título non é o dun filme de Steven Soderbergh. Tampouco se trata do sorprendente título da próxima superprodución dos sobriños de Jose Luis Moreno. Simplemente é un título que trata de ilustrar o que será o meu sábado (sempre que non se me atragante algunha febre de última hora).

Porque o próximo sábado tres de setembro miñas donosiñas e meus cabaletes ten lugar unha nova edición do Reciclaxe. Aínda non sabedes o que é? Entón deberíades revisar as vosas canles de comunicación. O reciclaxe é un evento especial que dende hai uns anos revoluciona o día da zona de Churruca-Vigo. E eu que son un puñeteiro poeta non volo vou explicar mellor ca eles mesmos, así que hipervínculo in your face: RECICLAXE!



Prosigamos amiguiños. Libros. Tan sinxelo como o que vos explico a continuación. Dende que teño uso de razón (menos tempo do que podedes imaxinar) amo os libros. E como todo bo adicto a algo trato de conseguilos do modo que sexa. Moitos xa sabedes do que falo, o seu tacto, o seu olor, os segredos qu agochan... E cando un viaxa tanto polas páxinas encadernadas descobre moitas marabillas, pero tamén outras cousas das que se hai que ir desfacendo para que os anaqueis poidan conter novos volumes. Resumindo, que no reciclaxe vou vender os libros que xa non quero, a ver se alguén os adopta e no proceso consigo facerme multimillonario.


E agora chegamos a explicación dos poetry flashes, si, iso que levas agardando dende que empezou este conto chino que estou botando. Pregúntaste que é un poetry flash? Benvido ao club, estamos practicamente coa mesma dúbida. Non sei moi ben o que van ser os poetry flashes, deume por bautizar así a un pequeno experimento de recitado por sorpresa e fóra de sitio. A expkicación que aparecerá no programa do Reciclaxe é a seguinte, a ver se así o aclaramos un pouco:


Poetry Flash - Espazo Aberto
Supoñemos que sabes o que é unha labazada. Mesmo podemos supoñer que algunha vez, nalgún momento da túa vida, recibiches un bo soplamocos por portarte coma un/unha landrú. Hostias hainas de moitos tipos: consagradas, de rivés, desganadas, inmerecidas, de mamá e tamén líricas Si, hostias poéticas que chegan así sen esperalo. Pasas por un dos postos do reciclaxe e ¡zas! manotazo de versos.

Nesta ocasión, o libreiro que perde o tempo no Golem, integrante do colectivo "poetas da hostia" (poetasdahostia.blogaliza.com) ofrecerá ao longo da xornada unha serie de flashes poéticos con todo o cariño e a mala saña que lle caiban dentro. Serán pequenas intervencións que podedes consultar no seu posto. Haberá aparicións estelares, cameos poéticos. E mesmo un espazo aberto a ti, que sempre levas gardados no peto eses versos de adolescencia para que os poidas lanzar ao mundo.

Máis información in situ!

Pois iso, que se queredes máis información pasade o sábado polo Gólem, e xa de paso polo resto de actividades do gran R. que de seguro que vos satisfará.


E nada máis! Ah si! E unha gravata! porque prometo poñendo unha man no corazón e outra no guión orixinal de Star Wars, a new hope. Que vou estrear unha gravata hortera para parecer máis moderno, máis serio, máis libreiro.
E nada máis, que agardo que veñades e me deades unha aperta e merquedes moitos libros que non queredes!

8.29.2011

Quitándonos a poeira

Encántame este tema, así por revitalizar un pouco isto:

7.15.2011

[AMBOLOXÍA]

Mudar de día todos os días. Barbear os días todos os días. Peitear todos os días.


Ata que descobres que o mundo fartou de ti:

es un casette sen rebovinado,

Ata que fartas dos días como os días son

obxectos de exposición permanente.




Nota aclaratoria
tras un aviso vai a seguinte nota aclaratoria: a palabra rebovinado está mal escrita dun xeito consciente cunha función estilística... bovinos!

[INSPIRACIÓNS]

somos o que bebemos





todo o que respiramos

é inspiración



7.14.2011

A Hostia en Verso VI - Montescos Vs. Capuletos


Está claro que os poetas somos xente rara, é raros non na acepción de 'ben escaso', senón na súa vertente máis freak. Por iso deixamos pasar a primavera sen pena nin gloria (l.) e agardamos a que viñese o tórrido verán para nos poñer romanticóns e romanticonas.

Avecíñase 'A hostia en verso' máis caramelizada da historia dos poetas da hostia. Deixando de lado os profundos escotes e andar en porranchos que se presta neste xullo para poñer como traxe de faena as ricas roupaxes do medievo veronés. MONTESCOS VS. CAPULETOS promete ser o combate máis empalagoso que se vise sobre un cuadrilátero de versos.

E como non, bandadas de miróns e mironas... estades convidados!

DÍA: Venres 15 de xullo de 2011 (verán)
LUGAR: Bar Alma (poboadores, 9 Casco Vello - Vigo)
HORA: 22:00 horas de puntualidade shakespiriana.




Esta sesión enmárcase dentro do V Curso de verán de Lingua e Cultura galega para estranxeiros da Universidade de Vigo

7.05.2011

[PEL DE CIDADE]

Maldita cidade que me lembra

que son gris escuro


coma o asfalto húmido

[A ACEPTACIÓN SÓ É O PRIMEIRO ESTADIO]

Caer na conta de que se tocou fondo

non significa que non exista a posibilidade de excavar,


saberse perdido, non significa atopar o rumbo



7.04.2011

[SODOMIZE YOUR IDOLS]

a primeira vez que rompeu os leotardos

tamén o día que mandou a tomar vento a porta do ceo


xa estaba axel rose a quedar calvo.

6.28.2011

Merendacea II: Poesía para devorar


Pódovolo dicir por activa (eu convídovos) ou por pasiva (vós sodes convidados por min). Non me vou estender demasiado, pero este venres 1 de xullo iniciamos un precioso verán poético. E para iso facemos unha nova Merendacea, un deses recitais irrepetibles que te arrepentirás se non o ves. Porque é moito máis ca un recital, quen xa o viu, sábeo ben.

Por iso só me queda dicir dúas cousas:

a) Se me queres ben, vén!

b) Se non ves, polo menos fala de nós, para que outros veñan e nos poidan querer ben!


Pódoo dicir máis claro pero non máis alto!

VENRES 1 DE XULLO
20:30 HORAS
VERBUM. CASA DAS PALABRAS - VIGO




6.22.2011

[Marty McFly]

A poesía é

unha arma cargada

de regreso ao futuro



6.21.2011

Poetas da Hostia

Nesta semana naceu o selo poetasdahostia. Que é? poetasdahostia non é máis que un novo lugar onde dar cabida ás frikadas poéticas que saen da factoría de poetas na que últimamente ando sindicado.

Podédesnos atopar en blogaliza e máis en twitter.

Non nos abandonedes, os nosos versos precisan de vós!

Vouno dicir máis alto para que o entendades ben:


e



6.09.2011

Aínda non marchamos desta casa!


ESENCIA PUNK

Non abandonei o bló. Levo unhas semanas remergullándome en escoitas e descubrimentos punk, esnaquizo cada día os versos que se me ocurren e os escribo así: rotos. É por iso que levo un tempo sen pasar moito por aquí, escribir é un labor sempre desgarrador, pero escribir poemas, e poemas punk coma coitelas, iso é dor continua.

Grazas os que seguides aí agardando!



No vídeo Asherton & Niagara: Destroy all Monsters

5.20.2011

[AS MARXES]

Levo tanto tempo a circular entre as marxes

que esquecín onde achar un centro.

5.09.2011

Olladas que nos fan presos


Danny Santos é un fotógrafo. Un fotógrafo que di cousas tan connotadoras coma esta:
Para min, nada pode igualarse a tomar unha foto nun ambiente impredicible e sen control como o é a rúa. É coma unha droga… "
Danny Santos é un fotógrafo. Un fotógrafo que fai fotografías a descoñecidos das rúas de Singapur. A meirande parte destas persoas son estranxeiras, visitantes, aventureiras, empresarias, divertidas, nostálxicas, violentas, perturbadoras, odiosas, desgradables, sensuais... e todo o resto de adxectivos do dicionario.

O certo é que desque coñecín a forza destas fotos non son quen de apartar a vista, e cada unha das olladas que retrata son, para min, coma unha droga, e non podo deixar de imaxinar historia tras cada un dos rostros.




4.20.2011

fotopoema - reloxo



por mecanicamente fermoso
que o seu mecanismo sexa
ten o tempo no reloxo
marcado un final na esfera

4.11.2011

O cártel ou o cartel


Pois vaia, que me quería poñer serio. Pero como os que o deberían ser non o son, pois non vou ser eu, ex-punk, ex-jevy, ex-oriundo do barrio de coia, quen o faga. Resulta que os políticos andan a leches co meu novo barrio, un enorme complexo residencial onde o Vigo urbano perde o seu nome: Navia, o cú de Vigo.

Hai uns meses o alcalde alcaldable inaugurou, si: inaugurou un cartel poñendo podre a actuación da Xunta na xestión urbanística que no barrio lle corresponde.

A min que se critique á Xunta mólame, xustificada ou inxustificadamente ten mollo, salsa para mollar, e iso... mola.

Sobre todo se serve para demostrar que os simpatizantes do partido popular son uns violentos. E senón mirade en que estado se atopa agora o devandito cartel.

E ala, xa acabou a exclusiva!

fotopoema - primavera returns

entre o cemento
tamén crecen as flores

verte é

ver alumear a primavera
neste barrio en construción

4.08.2011

[HISTORIA DA LITERATURA - COPRETÉRITO]

EU Rosalía

TI Rosalías

ELA/EL Rosalía

NÓS Rosaliamos

VÓS Rosaliades

ELAS/ELES Rosalían



4.06.2011

Índígnate en versión orixinal. Pensamentos soltos.


Oferta en exclusiva. Indígnate por un módico prezo.

Pois si, meus amiguiños, hai cousa de mes e medio lin o manifesto de Stéphane Hessel na rede e traducido ao galego. Tiven sensacións con esa lectura impagables.

O manifesto do señor Hessel percorreu toda Francia en poucas semanas coma unha mecha.


Hai cousa duns meses apareceron traducións do manifesto en galego e en castelán. En castelán apareceu de forma libre en kaosenlared. En galego traducida por Quique Harguindey e publicada por encontroirmandiño.

Destino (do grupo editorial Planeta, claramente revolucionario) publica unha edición en castelán cun pvp de 5 € e prologada por Jose Luis Sampedro.

En galego Factoría K fai unha nova tradución e edita en galego o manifesto. Pvp 5 €.

O prezo é máis que asequible, non si? Eu vou mercalo hoxe mesmo, só por telo na miña libraría. Que gran idea esta edición, non si? Pois non, acabo de decidir que non o vou mercar.

O problema é que a versión libre na rede é retirada, en castelán simplemente desaparece, sen máis referencia, de kaosenlared. En encontro irmandiño deixaron a seguinte nota da que fago este destaque:

A Asociación Galega de Editores e unha editorial asociada á mesma veñen de nos requirir para que retiremos da nosa web a copia privada da tradución do texto de Stéphane Hessel, «Indignez-vous!», que amabelmente nos obsequiou o seu autor Henrique Harguindey.



Eu non sei o resto do mundo, pero eu indígnome.




a imaxe que ilustra esta entrada vén de wikimedia commons, de aquí

4.05.2011

fotopoema - pantasma





enrédate entre as sabas,
sabes?
hoxe teño fame de ti
meu pantasma

fotopoema · luces de néboa traseira


por moito que foda este meu brillo
sempre agardo que sirva
para que non me golpeen
polas costas

4.04.2011

I ESCOLA FEMINISTA IMPLICADAS NO DESENVOLVEMENTO

Pídenme que lle dea difusión ao programa da Primeira Escola Feminista de Implicadas no Desenvolvemento. O debate é necesario. Os que poidades abaixo tendes formas de contacto.

I ESCOLA FEMINISTA IMPLICADAS NO DESENVOLVEMENTO


PRESENTACIÓN
A Escola Feminista Implicadas no Desenvolvemento pretende proporcionar un espazo de coñecemento e debate no que as persoas que se moven no mundo da cooperación poidan ampliar as bases do seu traballo dende unha óptica feminista plural. Esta I Edición tratará o tema dos Centros e Periferias, na teoría e no activismo, para poñer de manifesto a importancia de que os feminismos se desenvolvan con atención ás diferenzas de poder entre o Norte e o Sur.
O obxectivo é contribuír á aplicación de políticas e accións no campo da cooperación ao desenvolvemento feitas dende unha óptica feminista e á integración das desigualdades Norte-Sur en todos os feminismos.

ONDE E CANDO?
A I Escola Feminista de Implicadas no Desenvolvemento celebrarase en Vigo, do 11 ao 14 de abril, nas instalacións da Casa das Mulleres (R/ Romil, nº 20), en horario de tarde (19:00-21:00 h). Cada día haberá unha conferencia plenaria e logo unha sesión de unha hora de debate dinámico ao redor dos temas presentados na conferencia. As conferencias artellaranse como exposicións de elementos para o debate e, polo tanto, terán unha perspectiva panorámica.

A QUEN VAI DIRIXIDA?
-Persoas que traballen en organizacións de cooperación ao desenvolvemento.
-Persoas que traballen en organizacións de mulleres e/ou feministas.
-Persoas interesadas no campo do coñecemento feminista.

INSCRICIÓN
Aquelas persoas que desexen inscribirse nesta I Edición da Escola Feminista non teñen máis que encher o formulario axunto e remitilo a Implicadas no Desenvolvemento, ben por correo postal (Implicadas no Desenvolvemento, Avda. das Camelias nº 49, escaleira, 36211, Vigo), ben por mail (info@implicadas.com), xunto co xustificante de pago da matrícula (30€ xeral, 20€ estudantes). O pago poderá facerse en calquera oficina NCG, no número de conta 2091 0531 81 3040010798, especificando Escola Feminista como concepto. A inscrición será formalizada no momento de recepción dos documentos. O prazo de matrícula remata o vindeiro mércores 6 de abril.

Participan:
Dra. Belén Martín Lucas
Dende 1996, é Co-Coordinadora do Feminario de Investigación Feminismos e Resistencias da Universidade de Vigo, onde exerce a docencia impartindo materias de literatura postcolonial e feminista. A súa liña de investigación recolle as políticas de resistencia na narrativa feminista postcolonial, cunha extensa lista de publicacións sobre a sobre-explotación simbólica do corpo feminino nos discursos formados sobre valores patriarcais e na actual industria cultural da globalización no seu haber.

Remei Sipi
Escritora, activista e experta en movementos sociais africanos. Preside en Barcelona a Asociación de Mulleres E'Waiso Ipola, e promove unha federación de asociacións de mulleres africanas en España. Ten escrito numerosos artigos e participado en cursos sobre movementos sociais en África, participando desinteresadamente na divulgación da cultura africana.

Dra. N. Manimekalai
Doutora en Económicas. Directora do Centro de Estudos das Mulleres da Universidade de Bharathidasan (Tiruchy) dende 2004. Ao longo da súa dilatada carreira no eido do xénero ten recibido varios premios de investigación, participado en máis de 100 conferencias a nivel internacional e publicado máis de 100 artigos sobre políticas de xénero, empoderamento das mulleres ou o impacto das microfinanzas, entre outros. Colabora así mesmo, como Asesora de Xénero dos proxectos de cooperación aos desenvolvemento que Implicadas apoia na India.

María Reimóndez
Presidenta e fundadora de Implicadas no Desenvolvemento. Escritora, tradutora e intérprete de profesión. Completa o seu traballo literario con colaboracións en prensa. Forma parte do grupo de investigación Feminario de Investigación Feminismos e Resistencias da Universidade de Vigo, onde realiza a súa tese sobre a interacción do Feminismo, Poscolonialismo e a Traducción. Traballa en cooperación dende o ano 1994, como experta en enfoque de xénero na planificación e avaliación de proxectos de diversa índole.



PROGRAMA
Luns 11
- Inauguración da Escola Feminista.
- Conferencia a cargo da Dra. Belén Martín Lucas do Feminario de Investigación Feminismos e Resistencias da Universidade de Vigo: Centros e periferias nos feminismos.
- Sesión de traballo.
Martes 12
- Conferencia a cargo de Remei Sipi, Presidenta da Asociación de Mulleres E'Waiso Ipola: Os feminismos na África subsahariana.
- Sesión de traballo.
Mércores 13
- Conferencia a cargo da Dra. N. Manimekalai da Bharatidasan University de Tiruchy: Os feminismos na India, pluralidades e periferias.
- Sesión de traballo.
Xoves 14
- Obradoiro a cargo de Implicadas no Desenvolvemento sobre a aplicación da parte teórica á cooperación ao desenvolvemento e ao activismo en xeral.
- Peche.



O PRAZO DE INSCRICIÓN REMATA O DÍA 6 DE ABRIL. PARA INSCRIBIRSE CONTACTAR CON:
ofivigo@implicadas.com ou info@implicadas.com