Cando falo por teléfono ou cando me obrigan a permanecer en reunións aburridas non paro de garabatear. Normalmente fago variacións sobre a miña propia sinatura e outras deformo palabras e rodéoas de asteriscos e parvadas do máis variado.
Esta pequena obsesión chega ata tal punto que días máis tarde atopo varias páxinas seguidas da miña libreta cun borrancho propio de calquera enfermo psicótico, cheo de debuxos absurdos e sinaturas compulsivas. E sobre o escritorio do meu traballo vou acumulando recados telefónicos rodeados de cores e máis sinaturas. Se alguén resucita a Lacan que mande un mail, nunca está de máis unha opinión profesional.
Non obstante, mentres agardamos o rexurdir da psicanálise, lembro que moitos deses debuxos, ás veces e só ás veces, convídanme a facer pequenas reflexións. Micropoemiñas que esta semana estraña de defuntos vou ir deixando caer por aquí.


0 comentarios:
Publicar un comentario en la entrada