11.08.2011

DISOCIAIS

Disociais é un espectáculo a medio camiño entre o concerto de autor, o recital poético e a excusa perfecta para ir a un bar a compartir momentos como os que saen nos anuncios de cervexas coa xente que máis queremos.

Este espectáculo xorde das mentes inquedas de Isaac Mariño (ex-Dias Descalzos, ex Small Coffins) na parte musical e Daniel Landesa (Poetasdahostia) na banda poética creando un evento concibido como unha unidade. Disociais é un cóctel onde mesturamos as cancións intensas de Mariño cos recitados de Landesa.

E sérvese tanto en frío como en quente.

Téntavos?
Polo de agora presentamos o que demos en chamar 'Disociais, format réduit' é dicir unha versión beta na que queremos que participedes coas vosas opinións. Porque este é un espectáculo que queremos crear para vós, de modo que non nos queda outra que escoitar a vosa voz ata conseguir entretervos.

O vindeiro sábado 12 de novembro de 2011, ás  23:00 h. no café UF e dentro do Circulo poético Aberto presentamos esta versión reducida a que agardamos que poidas vir.


Prégase emprego de chaleco antibalas e rigorosa etiqueta. Se levas este cartel co teu nome escrito na parte traseira terás un cartel escrito co teu nome na parte traseira. Calquera parecido coa ficción é pura realidade. Prégase non dar de comer aos artistas. Máis vale proxectil voando que un cento na man. Toda a tipografía foi vexada nesta caixa de texto. A asistencia a este espectáculo non dá dereito a agredir verbalmente a ningúnha estrofa. Permítese fotocopiar toda a actuación sen dereitos derivados. Grazas. Isto non é un simulacro. Amámosvos




Café UF