5.02.2012

Somos bois

          – Que mal andan as cousas meu...
          – Si, a crise, o paro, problemas, problemas e máis problemas.
          – Xa, e o xiro silencioso da dereita para ser máis dereita.
          – Tío, temos o país que merecemos...

 O país que merecemos. De primeiras, esta fraseciña tócame un pouco a fibra sensible dos miolos por non dicir que me molesta dunha forma terrible. O primeiro que sempre penso é, eu non merezo este país, ou polo menos non o merezo desta maneira. Un país así non é polo que traballo a cotío, nin é o país que soñei de sempre. O primeiro que penso sempre é: será o país que merecen algúns, eu e moitos outros e outras facemos por que este país sexa moito mellor do que é. A culpa é doutros. Dos outros.

Ben é certo que eu (nós) non podo sentirme responsable polos despilfarros económicos e ideolóxicos que se fan dende os gobernos (ollo co plural). A responsabilidade última é daqueles e daquelas que asinan o derribo continuo deste meu fogar. Eles e elas, con nomes e apelidos, asinan a diario unha hipoteca de longa duración cun tipo de interés altísimo cuxo resultado só pode ser o seguinte: eles/elas viven e nós sobrevivimos.

Non obstante, eu sinto culpa. É certo que non podemos sentirnos responsables do que outros (votados) fan, pero, de verdade non podemos? Eu si sinto esa responsabilidade. Cada vez máis. E toca asumir esa aquiescencia, esa autorización que levamos décadas outorgando ao poder, á confianza nun sistema de partidos do que só agora comezamos a desconfiar. A responsabilidade é nosa por omisión, por crer que vivimos nun sistema no que contamos para algo. Somos forza de traballo, somos bois, somos números nunha estatística. Así debemos asumilo. Iso é o que somos. Pacemos nun prado a medio secar e só miramos que aínda quede un metro cadrado de herbiña tenra para mastigar placidamente. A responsabilidade é nosa porque somos bois (e vacas), por termos cornos que perderon o seu valor de arma de defensa. Somos animais de granxa, toca vara e facer regos mais logo meneamos o rabo cando nos pasan a man polo lombo.

Somos tamén como a muller da foto. Todo estará ben mentres teñamos un enchufiño para escoitar a radio. Mentres teñámos unha xerra para botar un barrantes con gaseosa. Mentre teñamos unha orellas diante para queixarnos e dicir todo o que habería que facer para que as cousas non estean 'tan mal'. Eis a nosa alienación: radio-barrantes-queixarnos.

Que queredes meus (e miñas) erguinme dun pésimo pesimismo e só podo sentir este azougue por ser un boi e non usar os cornos. Erguinme de pésimo pesimismo porque sei que o único modo de erguer os cornos deste metro cadrado de prado que me asignaron é que todas e todos ergamos a cabeza. Erguinme de pésimo pesimismo porque sei que, no fondo, temos o país que merecemos e xa non vale derivar culpas.

P.S. A foto é roubada do Faro de Vigo, e pertence á unha exposición de Pastor Outeral.

No hay comentarios: