6.27.2012


[MANIFESTO ZOMBIE]

A morte,

a morte é todo o que ao redor teño mais eu

vivo entre ela

coma os paxaros viven entre o vento,

sobrevivir ocupa todo o meu tempo.


O tempo é unha motoserra.


[MANIFESTO]

A morte é...

Non adoito pensar na morte,

xa vivir dáme un traballiño...

6.11.2012

A caricatura non é revolución

Absolutamente todos os líderes políticos, sexan bos, malos, de esquerda, de dereita, ultras, do pobo, dos consellos de administración, golpistas, derrocados... todos adoitan ser obxecto da caricatura. É unha cuestión de saturación. En calquera territorio o/a seu máximo dirixente adoita ser unha imaxe recorrente que está fronte aos ollos das cidadás no día a día, por tanto a broma e o chiste son unha consecuencia obvia. O humor é unha virtude marabillosa que os seres humanos temos e sen el probablemente teriamos moita menos humanidade da que xa temos.

Non obstante, o humor non é a única característica que nos fai seres racionais? hai moitas máis. Unha das miñas favoritas, ademais, claro está, da capacidade de crear, é o espírito crítico, a vontade de cuestionarse o como é das cousas. Esta é a única vía que a nosa sociedade ten de mellorar, de facerse grande e forte, de alimentar o bandullo de forma sana. A capacidade de poñer en cuestión o que parecen verdades inmutables é o único modo no que a sociedade avanzou cara a modelos máis xustos e solidarios, aínda que non pareza abondo.

Hoxe vivimos situacións propias de caricatura, os gobernos, mercados, unións e mil e un asesores económicos están a pintar sobre as nosas caras unha risada falsa á que nós só respondemos con guiños, a ecuación é a seguinte, eles están a rir de nós, e nesta situación de iguais eu vou rir un cacho deles e todo amañado, todos contentos, todos cun riso de pantomima trazado sobre a cara.

O humor é, repito, algo marabilloso, pero non é suficiente. Cómpre sermos críticos, conscientes dun expolio que está a ser perpetrado coa complicidade de todos, só tapado con pequenas cortinas de fume: opio do deporte, chauvinismo, caricaturas de gobernantas e gobernantes, odio ao máis desfavorecido. A historia non vai recordar os chistes, recordará cómo os mercados decidiron tiranizar á sociedade, recordará como fomos sometidos a esta nova especie de 'corralito' e, sobre todo, recordará como nós non fixemos nada por impedilo e como 'eles' saíron impunes.