1.27.2013

MicroQonto | Un para gobernalos a todos

Vello Gamyi, como pode ser que o meu propio fillo me chame así... Cousas tes que aturar Hamfast. E onde se metería agora, chaman a porta e teño que erguerme eu abrir co que me doen as cadeiras, seguro que anda enredando na mudanza co señor Frodo... Si, quen chama!

Unha voz apagada preguntou sen sequera dar os bos días. Bolsón?

Bolsón? repetiu o vello Gamyi. Ve esa colina arredondada cunha porta verde? Chame aí que aínda non marchou para Cricava, pero bula que ha de andar para saír.

FIN

1.11.2013

Lembranzas 2. Exin Basket


Este é un recordo en pinceladas pequenas. Un conxunto de nostalxias pequenas que explican como cousas pequenas acaban por coverterse en cousas para sempre.

Cando eramos cativos regaláronme o Exin Basket.

Era un xogo alucinante, deses que nunca se che esquecen. Como a miña nai coa mariquita pérez.

Hai unha foto preciosa na que saio xogando co meu querido pedrolo.

Logo a el agasallárono cunha desas canastiñas de colgar na porta.

Os tres, luis, pedrolo e daniel xogabamos unha competición rara. Puñamos un casete coa canción de Los hombres G, "Visite nuestro bar" (mira ti que cousas). Cada vez que dicían a palabra bar podiamos tirar e logo era a ver quen facía máis puntos.

Logo conseguín praza no primeiro clinic Campofrío-Magic Johnson. Non fun porque era en Barcelona. Pero no recordo foi case como coñecer ao propio Magic.

No colexio os matóns xogaban a fútbol e zoscábannos. Pero no partido de final de curso vingábame meténdolles chapas e canastras na cara.

Sempre fun un paquete todo hai que dicilo, pero no recordo é como se eu fose o alumno avezado de earving johnson jr.

Lembranzas. Na cidade.


Quizais non foi así, pero así resulta no meu recordo. Eu vestía pantalóns elásticos, camiseta coa bandeira de inglaterra e as siluetas  de John Lydon e Sid Vicious, chaqueta de coiro daquelas das de cremalleira e botas de obra.

Ti levabas vaqueiros negros, suéter de pescozo volto negro, dr. martens, e americana pata de gallo.

Ti sempre decorabas as casettes con esmero e, para que negalo, bastante gusto. Aquela levaba a bolígrafo unha coidada imitación do logotipo dos Jam.

Play

In the city there's a thousand things I want to say to you

Pause

Eu: son punkys.
Ti: son mods
Eu: pero parecen punkys
Ti: pois os punkys renegan deles
Eu: xa, pero soan punky

E logo calabamos e deixábamonos envolver polo baixo de Bruce Foxton.

Vén isto a conto de que o tal Foxton vén por Vigo a celebrar os 35 anos do In the city, e que seica van 20 desde esa conversa (ou ese tipo de conversas ti xa me entendes) e un ponse en modo carallo como pasa o tempo.

P.S. Que nos separen os quilómetros non significa que nos separe o tempo, esa curva tan flexible