4.25.2013




[INMATERIAL]

Ser inmaterial.

Habitar o mundo sen materia é
o último dos meus caprichos.

Ser inmaterial
ten un inconveniente.
Pasear ao anoitecer,
os morcegos,
non paran de hostiárseme.




4.02.2013

NARCOS

Isto de aquí non é unha pipa, tampouco un artigo. E eu sigo sen saír do meu asombro por vivir nun país no que se din as cousas que se din e no que se fan as cousas que se fan; debe ser que son un mozo inocente e atolado duns tenros trinta e seis anos... ohh criaturiña!

Todo isto vén a conto do tema das fotos de Alberte I o Inocentón, das súas explicacións e das reaccións lóxicas e obvias da oposición. Por se alguén aínda non se enterou resulta que cacharon ao actual presidente da Xunta nuns posados xunto a un coñecido narcotraficante, esas fotos publicounas un xornal e agora montouse unha verbena onde uns aplauden a transparencia dun e outros apupan todo o que cala mentres piden a dimisión do rapaz.

Ben, en todo este asunto hai varias cousas eticamente inadmisibles, non falo de legalidades ollo.

En primeiro lugar, que un cargo público, como daquela era o señor Feijoo, sexa amigo (estreito ou non, tanto ten) dunha persoa que conseguiu os seus iates, mansións e cremas solares a costa do sufrimento de miles de rapazas e rapaces no país (e non, non podo ser demagóxico cando veño dun barrio no que xogabamos ao fútbol nun patio repleto de papeis de prata e xeringas) é eticamente reprobable. Tamén o son moitas das explicacións que se deron na rolda de prensa. O señor F. non pode excusar as súas amizades pola súa louzanía e cándida inocencia, porque por moito que nos empeñemos en non independizarnos (da casa de papá e mamá, claro) ata idades que en Europa serían de xente rara, unha persoa de trinta e catro anos é, ou debería selo, completamente adulta, independentemente do traballo que desempeñe. Tampouco pode excusar a súa amizade porque iso equivale a admitir que algo de importancia o asunto si que ten.

E agora vou coa segunda parte. Debe o señor presidente da Xunta dimitir polo affaire Dorado? Agora é cando todos respondedes á pregunta retórica cun contundente  'Siiiii' e ademais aplaudides. Pois fixádevos, non. Veña xa vos cortei a mexada. E agora explícome tirando desa señora da que tanto se falou hoxe, a hemeroteca: os que piden a dimisión de F. dinlle "vostede pediu a dimisión de Quin polas fotos do iate, ergo vostede debe ser consecuente e dimitir", o problema é que Anxo non dimitiu, polo cal esixirlle ao presidente esa coherencia é unha absoluta contradicción. Porque algúns que hoxe piden a dimisión non admitiron o argumento do candidato Feijoo no seu momento e porque ademais a coherencia non vale en política, debera valer, pero non forma parte do xogo, iso téñoo ben clariño.

Por outra banda, resulta que agora todas somos parvas e parvos e nos parece obvio que alguén ten que marchar por mesturarse con malas compañas. E logo, de verdade nos colle por sorpresa? Tiremos de historia, e corrixídeme se me equivoco. E logo non foi Vioque un dos fundadores de Alianza Popular? e non se reuniu Fernández Álbor alá polos 80 con varias familias de contrabandistas do tabaco? E logo non cacharon tamén a Mariano no Moropa? Toda esta xente o que tiña que facer non era dimitir, era non presentarse, pero claro, esa é unha batalla perdida así que ímola deixar estar.

Para ir rematando vou reformular a pregunta. Debe Feijoo dimitir? Aquí a resposta é obvia, e podedes aplaudir: si. Pero non por saír nunhas fotos de amor de verán cun narco, debe facelo pola súa xestión no seu cargo actual, ten que marchar por mentir á cidadanía en múltiples ocasións (audis, pemex, as baterías de Salvaterra, os coches eléctricos en Ourense), debe facelo por presumir do déficit cero da administración a costa de dereitos sociais e a costa dunha contabilidade ilusoria a ano vencido. E por se queda algunha dúbida debe facelo pola súa xestión das preferentes e por liqudar a banca pública no país.

Por último, eu si que me amedrento. Amedrente número 1: faceime o favor de non me denunciar que case non chego a fin de mes, non pretendo ferir a honorabilidade de ninguén, se o fixen a cambio déixolle que atente contra a miña. Amedrente número 2: de verdade é necesario meter a Magritte etodo este lío?