9.13.2014

NON SEN VÓS

Durante o mes de agosto a Asociación de Escritoras en Lingua Galega, da que formo parte, pediume que escribise un texto breve para o xornal Sermos Galiza sobre como afronto a creación. O texto saiu só na súa edición en papel. Pasadas unhas semanas déitoo neste blog para retiralo un pouco desta vía morta na que está. Se aínda queda alguén aí, grazas.

Non sen vós

Non hai torres de cristal. A literatura, por fantástica ou evasiva que sexa, está inscrita nesa circunferencia que damos en chamar sociedade. E como tal transmite unha chea de cousas boas, pero tamén ideas negativas e prexuízos. A min son estes os que máis me preocupan porque escribir non deixa tamén de ser un proceso en soedade. É, por tanto, un medio viciado.

Ao rematar un texto o que máis me preocupa non é o seu resultado estético (que tamén) senón a transmisión de conceptos que eu non quero deitar ao mundo. E non é sinxelo. Especialmente na perspectiva do xénero. Para a miña desgraza, malia crer firmemente en principios de igualdade, non podo fuxir a unha educación que partía duns principios ben diferentes e que temo que asomen nalgún momento da miña escrita (e da vida, claro).

Dende hai uns meses hai unha iniciativa na rede chamada A Sega Crítica que incide nesa perspectiva de xénero. Un tipo de crítica que a penas aparece nos (poucos) medios e que nunca é ben recibida porque a case ninguén nos gusta que nos digan certas cousas. O seu é un labor de colaboración con todas e todos os que creamos e tememos non ser fieis aos principios que temos. Estes días celebran o primeiro día das galegas nas letras nun exemplo de cultura cívica. Eu só podo dar os meus parabéns e expresar o meu desexo de que a súa opinión é, para min, unha axuda. Como elas din “quen sega tamén sementa o pobo no que quere vivir”.

1 comentario:

Ana Bande dijo...

son nova por aquí pero o cheiro a novo vaime facer volver, así que non desesperes, "aí fóra" sempre hai alguén, aínda que só sexa un, aínda que só sexas ti sempre paga a pena escribir.