1.14.2015

Na rotonda non


Sobre o barco.

Sabido é que son do barrio do barco da rotonda, anteriormente coñecido como Coia.

Cando eu crecín nel era un lugar terrible, temible e marabilloso. Non necesariamente por esa orde. Coia é a miña historia. A miña infancia. O meu patio de recreo. Gañei o dereito a enorgullecerme dese lugar convivindo as súas desgrazas e os seus éxitos.

Sabido é que non son politólogo.

Quizais por iso me custe comprender a actitude infantil do caciquiño de turno desoíndo un acordo plenario nun lugar onde goberna, lembremos, en minoría.

Xa non falar de certas saídas de ton comparando a rotonda en cuestión, dun barrio da periferia dunha cidade periférica a máis non poder con monumento do barroco italiano. Unha actitude que insulta a intelixencia dos cidadáns que o elixiron (e dos que non),

Tamén me custa comprender por que a súa desobediencia ao pleno, argumentada en custións tan autoritarias como: "eu estou aquí gobernando e mentres non sexa así non deixarei de mandar". Non lle custa unha moción de censura por moi pouco que quede para as locais e por moito medo que se lle teña aos seus resultados e a emerxencia de novas voces.

Sabido é que son un descrido.

E por iso temo que todas estas pataletas non lle custen en realidade a este señor tan demócrata, erixido en voz de maiorías silenciosas non lle pase a factura que debería pasarlle. É máis, descrido e malpensado como son, dame a min que este señor é consciente de que non vai chegar máis aló de maio e ben sabido é que a cigarra aforra para o inverno.

Por suposto dende aquí un outro non ao barco. E un apoio ás compañeiras e compañeiros do meu barrio antigo:

No hay comentarios: